Todo o Barbanza pechado ante a escalada de contaxios

BARBANZA> Noia e Lousame incorpóranse á lista de concellos coas máximas restricións. O comité clínico adoptou esta medida ante a suba dos contaxios ó tempo que aplica o nivel medio-alto ós municipios da Pobra, Muros, Porto de Son e Outes.

Ningún concello do Barbanza se libra xa do endurecemento das restricións. Os últimos en incorporarse ó nivel máximo son Noia e Lousame que formarán burbulla. Dende esta medianoite non se poderá saír nin entrar nos concellos, que permanecerán pechados perimetralmente, aínda que haberá excepcións para os encontros familiares de Fin de Ano e Aninovo.

A hostalería tan só funcionará ó cincuenta por cento en terraza, co límite de horario ata as seis da tarde. O comercio seguirá coa actividade normal mentres que se autorizará o desprazamento dende outros municipios só para actividades esenciais.

O comité clínico decidiu ademais incluír no nivel medio alto de restricións a Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra. Tamén se limitan as reunións a catro persoas e reducirase o aforo da hostalería ó 30 por cento en interior e 50 en terraza, ata as seis da tarde. Algúns concellos como a Pobra adoptaron medidas adicionais como o peche dos parques infantís, a suspensión das actividades culturais, deportivas e de ocio e a atención telemática en determinados servizos municipais como a biblioteca ou a oficina de información turística.

Mentres tanto, Boiro, Ribeira e Rianxo continúan co nivel máximo dende hai varias semanas. Semella que as medidas comezan a ter efecto posto que os contaxios seguen a descender nos dous primeiros municipios, os que levan máis tempo pechados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí