A xerencia defende que a nova Lei de Saúde blinda os hospitais comarcais

    VILAGARCÍA> A Lei de Saúde de Galicia non vai prexudicar aos pacientes nin eliminará os hospitais comarcais. Así o defenden dende a xerencia da área de xestión integrada de Pontevedra-O Salnés. Segundo a súa directora asistencial, os pacientes non van notar ningún cambio, xa que as modificacións son meramente organizativas. Tamén asegura que, ao contrario do que se cre, blinda os centros comarcais, como o Hospital do Salnés. A xerencia da área de xestión integrada Pontevedra-Salnés defende o polémico anteproxecto de Lei de Saúde de Galicia. Aseguran que con esta modificación da lei de 2008 blindaranse os hospitais comarcais. Insisten en que os máis beneficiados serán os pacientes, que non notarán importantes cambios na súa atención sanitaria. Segundo Fernández Arruti, os cambios serán unicamente organizativos. Así, de once áreas sanitarias pasarase a ter sete en toda Galicia, e crearanse 14 distritos en torno aos 14 hospitais públicos. Tampouco, asegura, haberá cambios nas contratacións. Deste xeito, dende a EOXI saen ao paso da polémica xerada en torno a este cambio na norma, que ten a oposición da xunta de persoal do Hospital do Salnés e de varios alcaldes da comarca. Estas protestas xa atoparon apoio nos outros centros afectados, que coordinarán mobilizacións para frear o anteproxecto.