O Grove agarda a decisión do xuíz sobre a EDAR

O GROVE> O Grove insiste: o conflito coa Xunta pola depuradora do concello está en mans dun xuíz. Dende o goberno local aseguran que será o maxistrado o que determine se o concello terá que aboar os 500 mil euros que Augas de Galicia cobrará ás arcas municipais dentro dun ano pola xestión e mantemento da EDAR. O executivo meco reclama, tamén, que se abra o debate sobre a supramunicipalidade do saneamento e do coidado do medio ambiente.

Así de contundente se pronunciou o alcalde do Grove sobre o anuncio feito onte pola Xunta. Segundo publicou no DOG, Augas de Galicia asumirá o mantemento e xestión da depuradora meca durante un ano ante a negativa do concello a recepcionar a obra. Por isto, cobrará ás arcas municipais 500 mil euros.

O conflito coa Xunta iniciouse no mes de abril. Segundo o rexedor, técnicos municipais e ata dúas empresas externas que examinaron a EDAR recomendáronlle que non recepcionaran a obra, xa que requeriría de importantes investimentos a curto prazo.

Outra opción que plantexa o goberno meco refírese ao canon pola depuración da auga que pagan os concellos á Xunta.

Tamén reclaman a apertura dun debate sobre a xestión do saneamento e das cuestións relacionadas co medio ambiente. A día de hoxe son competencia dos concellos, pero dende O Grove entenden que deberían ser de interese supramunicipal pola súa incidencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí