O incendio de Nebra calcinou cincuenta hectáreas de monte arborado

    PORTO DO SON> Ás once e vinte do mércores, a Consellería do Medio Rural daba por controlado o incendio que queimou máis de cincuenta hectáreas na parroquia de Nebra en Porto do Son. Achegámonos ata a zona para ver o alcance dos danos e falar cos veciños da aldea de Calo que tiveron que ser desaloxados. Dende o alto da parroquia de Nebra pode observarse a ampla superficie de monte arborado calcinada polo incendio que se iniciaba onte ó redor das catro da tarde. As condicións climatolóxicas dificultaron o dispositivo de extinción no que participaron dezaseis axentes, vinte e nove brigadas, once motobombas, dúas pais, tres helicópteros e dous avións. Pasadas as once da noite dábase por controlado o incendio aínda que os medios de extinción continuaron a traballar durante toda a madrugada. Aínda hoxe, os efectivos das brigadas contraincendios seguían sobre o terreo para evitar que puidese reavivarse algún foco. Non é a primeira vez que esta zona é vítima dos lumes aínda que xa había varios veráns que non ardía. Os veciños miran agora con medo o que está por vir xa que as condicións climatolóxicas, con tempo seco e vento, son as máis adversas á hora de combatir os incendios.