Noia aínda descoñece quen será o seu futuro alcalde a unha semana da investidura

NOIA> Sen avances. Así están as negociacións para formar goberno en Noia. A practicamente unha semana da investidura, o NOIA aínda non fixo público se apoiará ó PP para reeditar o actual bipartito ou se, pola contra, se integrará nun cuadripartito cos restantes forzas da corporación.

Os 20 días de prórroga que supuxo o aprazamento das investiduras no Barbanza, non contribuíron a despexar as incógnitas nalgúns concellos que, como Noia, non saben aínda quen será o próximo alcalde a oito días da investidura. O actual rexedor en funcións, Santiago Freire, confía en reeditar o pacto co NOIA para conformar un goberno estable como o que veñen ostentado dende hai sete anos. Sen embargo, os independentes teñen a última palabra.

Semella que as conversas pola outra banda tamén están en punto morto. Malia que o resto de forzas exploraron a posibilidade de conformar un cuadripartito, non hai acordo con respecto a quen debe ocupar a alcaldía. Así as cousas, o candidato popular confía en manter unha xuntanza ó longo da próxima semana co fin de chegar a acordo antes do día 7 cando se celebra o pleno de investidura.