Muros duplica as cifras de visitantes tanto por mar como por terra

MUROS> O porto deportivo de Muros liderou o ránking galego de recepción de embarcacións durante o mes de xuño. Así o explicou o presidente de Portos de Galicia nunha recente visita a estas instalacións que recibiu un total de trescentos trinta e tres tránsitos no mes pasado. Os datos aportados por Portos de Galicia supoñen un incremento de preto dun corenta por cento con respecto ó ano pasado e sitúan ó porto muradán como líder das instalacións náutico recreativas en recepción de embarcacións. Ademais dos atractivos turísticos que Muros ofrece por si só tamén teñen contribuído a estas boas cifras outras iniciativas globais que tiveron a este porte na súa ruta. É o caso, por exemplo, da travesía ‘Navega el Camino’, onde máis de cen persoas que realizaron parte do camiño de Santiago por mar recalaron en Muros. O éxito desta inicitiva pon de relevancia novamente a necesidade de oficializar o camiño inglés de Muros a Santiago que os concellos da comarca levan tempo reclamando polo seu papel histórico como porto de Compostela. Os bos datos no mar tradúcense tamén en terra xa que as visitas rexistradas na oficina de turismo durante o mes de xullo duplican as do pasado ano e semella que agosto vai pechar na mesma liña. Cómpre lembrar ademais que o concello oferta durante todo ano catro visitas guiadas: ó caso histórico, ó muíños de mareas, ós petroglifos e a Monte Louro e a Lagoa de Louro.