Os clásicos percorrerán unha Ruta “vintage” do Pai Sarmiento

    CAMBADOS> A décimo quinta edición da Concentración Albariño Clásicos trae este ano importantes sorpresas. Ademais de organizar un percorrido de luxo para os participantes, a Ruta do Pai Sarmiento, a celebración durará dous días onde non faltarán os concertos e a gastronomía. A Concentración Albariño de Clásicos, que se celebrará esta fin de semana, cumpre este ano 15 edicións, polo que os seus organizadores quixeron preparar un programa máis especial do habitual. Este desfile de vehículos clásicos polo Salnés será o sábado día 2, pero o domingo día 3 continúa a concentración, xa na praza de Fefiñáns en Cambados, onde o público poderá admiralos durante todo o día. O concello de Cambados considera que o evento é todo un privilexio para o municipio e para a comarca , así como unha oportunidade para dar a coñecer a potencialidade do lugar. Á concentración asisten máis de 100 coches clásicos procedentes de toda Galicia e parte de Portugal.