PORTO DO SON> A crise do coronavirus leva aparellados importantes cambios nos hábitos de consumo e nas vías de acceso ós produtos. Co fin de favorecer a adaptación das empresas a este novo modelo de demanda, o concello de Porto do Son porá en marcha unha web de promoción empresarial.
Preto de corenta empresas adheríronse xa á nova plataforma de promoción que está a desenvolver o concello de Porto do Son. Neste espazo virtual atoparán o soporte necesario para adaptarse ó novo modelo de consumo provocado pola crise sanitaria. E é que o incremento do comercio online obriga ás empresas a artellar novas fórmulas de relación cos clientes.
Aínda que este espazo web nace motivado polas circunstancias excepcionais do estado de alarma, ten vocación de futuro. Unha vez superada a crise, servirá como escaparate virtual do tecido empresarial sonense a través do deseño de campañas promocionais ou mesmo un sistema unificado de reparto.
As empresas interesadas en unirse aínda están a tempo de facelo. Tan só teñen que cumprimentar o formulario dispoñible na web municipal.