Vilagarcía comeza a despedir ós 26 nenos e nenas Saharauis que estiveron no Salnés

    VILAGARCÍA> Ir á praia, á piscina ou ós coches de choque, son algunhas das actividades preferidas para os 26 nenos e nenas saharauis que pasaron este verán con familias de acollida de varios concellos do Salnés. Toca a hora da despedida, algúns con máis gana ca outros, e o concello de Vilagarcía quixo recibilos esta mañá. Abrahim ten 11 anos, é do Sáhara, e leva catro anos vivindo os veráns cunha familia de Vilaxoán, en Vilagarcía. El, ó igual que o resto dos seus 25 compañeiros, ten moi claro o que máis lle gustou destas vacacións. O concello de Vilagarcía despediu esta mañá no consistorio ós 26 rapaces e rapazas saharauis que pasaron os meses de xullo e agosto con familias da comarca, dentro do programa Vacacións en Paz, que organiza a Asociación Solidariedade galega co Pobo Saharaui do Salnés. Entre o martes e o mércores que vén este grupo de rapaces volverá ós seus fogares. E de seguro que levarán todos consigo, ademáis da mochila con material escolar coa que foron agasallados esta mañá en Ravella, tódalas experiencias vividas estes dous meses, e o agarimo das súas familias de acollida, tal e como lle contaron esta mañá á Tenente de Alcalde vilagarciá, Tania García. Para eles, a iniciativa é ademais de divertida, esencial para evitar padecer os 57 graos ós que chegan en verán os campamentos de Refuxiados nos que viven, pero para as familias acolledoras, chegan a converterse, en verdadeiros fillos. E a maioría, repite . Cando marchen a próxima semana deixarán un grande baleiro nestas familias do Salnés, pero tamén, tal e como nos confesaron esta mañá, algún que outro corazón partío.