Familias de rapaces con autismo denuncian a falta de prazas en centros de día en Vilagarcía

VILAGARCÍA> Familias de rapaces con autismo denuncian a súa preocupación polo futuro incerto que se lles aveciña ao rematar a súa etapa escolar. Son ata dez rapaces da contorna do Salnés e Pontevedra que nestes momentos non teñen garantida praza nun centro de día para adultos en Vilagarcía, porque o de BATA está xa ao límite da súa capacidade. A Xunta polo de agora ofrécelles como solución que os mozos, todos eles de entre 18 e 21 anos, acudan a diario a un centro de Nigrán. Unha proposta que as familias rexeitan.

O futuro debúxase incerto para dez familias de rapaces con autismo do Salnés e Pontevedra que están a piques de rematar a súa etapa no colexio de educación especial. A partir dos 21 anos péchase ese ciclo escolar e para poder seguir recibindo as atencións que precisan deberían conseguir praza nun centro de día. O problema é que o que máis preto lles queda é este, o que a Asociación BATA xestiona en Vilagarcía, e está ao límite da súa capacidade.

As familias temen que a calidade de vida dos rapaces empeore se quedan sen praza e teñen que estar as 24 horas na casa. Algo, apuntan, que dificultaría tamén o día a día das familias.

As familias, a través da ANPA Mecos, de Bata, xa mantiveron unha encontro coa Directora Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta que, como solución, lles propón que estes rapaces acudan a un centro que está en Nigrán.

Aseguran que na Xunta non eran nin conscientes desta situación e defenden que ten que ser o goberno galego o que poña enriba da mesa alternativas viables a ese traslado a Nigrán que rexeitan. Tamén agradecen o apoio que están a recibir de BATA, que se compromete a crear novas prazas, algo que non sería inmediato.

Polo de agora, ante a falta de solucións, aseguran que van seguir loitando. Avanzan que van recorrer ao Defensor do Pobo, que tentarán levar o asunto ao Parlamento e que solicitarán unha reunión coa Conselleira de Política Social tralo fracaso do encontro coa Directora Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta.