A Marea Cidadá pide a inclusión de Noia na área de transporte de Santiago

    NOIA> A Marea Cidadá de Noia solicita a inclusión deste concello na área de transporte metropolitano de Santiago. Ademais dunha notable mellora das comunicacións, esta medida suporía un importante aforro para os noieses que se teñen que desprazar con frecuencia á capital. O prezo actual do traxecto entre Santiago e Noia ascende a 3’70 euros. Coa inclusión de Noia na área de transporte metropolitano de Santiago reduciríase ata 2’20 como máximo cun cincuenta por cento de desconto para as persoas que realicen máis de corenta viaxes ó mes. Ademais do aforro, dende a Marea destacan a mellora das comunicacións que suporía estender esta área ata Noia, actualmente só chega ata Rois. Así, incrementaríanse a frecuencia das liñas directas. A deputada de En Marea, Paula Quinteiro, desprazouse ata Noia para participar nesta campaña e comprometeuse a trasladar a proposta ó parlamento para que a Consellería de educación axilice este proceso. Os membros da Marea Cidadá continuarán a desenvolver esta campaña informativa durante toda a semana.