Emotiva homenaxe ós mariñeiros nas Festas do Carme de Porto do Son

PORTO DO SON> Porto do Son atópase inmersa nas Festas do Carme que esta fin de semana celebraban a súa fin de semana grande. Hoxe, festivo local, os actos centráronse na capela do Loreto onde tivo lugar a tradicional romaría.

A romaría do Loreto volveu congregar nas inmediacións da capela a centos de fieis que participaron nos actos celebrados na honra da patroa de Porto do Son. A misa e procesión, acompañada pola banda de música de Caamaño, deron paso á tradicional sardiñada nunha longa xornada festiva.

Os sonenses van despedíndose así das súas festas grandes, tras vivir a xornada máis emotiva este domingo, coa procesión do Carme. A misa solemne oficiada polo arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, e coa asistencia do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares,celebrouse na explanada portuaria a onde foi trasladada a imaxe da virxe dende a capela da Atalaia. Concluída a misa, saíu a procesión marítima que culminou cunha ofrenda floral en lembranza dos mariñeiros falecidos. Os festexos prolongarase aínda ata o mércores cando o espectáculo pirotécnico e a festa da auga pecharán as celebracións.