Posible xiro en Rianxo e outros titulares destas eleccións no Barbanza

Na comarca do Barbanza temos varios puntos de interese esta noite. Na Pobra do Caramiñal os resultados desta noite poderían ser unha réplica do acontecido fai catro anos. Xosé Lois Piñeiro, de Nós Pobra, conta con seguir na alcaldía outro mandato. É alcalde de 2015, nestes momentos á fronte dun bipartito co PSdeG e o BNG. Precisamente a única novidade na Pobra é a nova candidata do Bloque, Amparo Cerecedo.

Onde a noite podería dar un xiro é en Rianxo. Alí cambian de candidato os dous partidos do actual bipartito, polo que isto podería mudar moito as cousas. Óscar Rial é a nova cabeza de lista do PSdeG, e Xusto Ordóñez a do BNG. Tamén houbo renovación no PP, con José Luis Castiñeiras. Rianxo en Común mantén a Julián Bustelo como candidato, pero confía en que o seu traballo na oposición destes últimos anos se traduza nun incremento de votos.

En Boiro, o PSdeG quere consolidar o seu proxecto. José Ramón Romero lidera nestes momentos un tripartito no que participa tamén Boiro Novo.

Por último, en Ribeira, Manuel Ruiz confía en continuar á fronte do concello catro anos máis. É alcalde desde o 2011. Iso si, haberá que ver se o PBBI -xurdido dunha escisión do PP- mantén ou incrementa a súa representación. Na esquerda, tanto PSdeG como BNG cambian de candidato. O dos socialistas é Francisco Suárez Puerta e, o dos nacionalistas, Luis Pérez Barral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí