Os bebés volverán ser os protagonistas do Festival das Núbebes

PONTEVEDRA> Volve o festival pontevedrés dedicado aos bebés. No concello presentouse esta mañá a nova edición do Núbebes; unha cita que trae ata a capital de provincia actividades artísticas, conferencias e obradoiros pensados para o público máis miúdo das casas. A completa programación desenvolverase do 22 ao 24 e do 29 ao 30 de setembro. O Festival das Núbebes xa ten máis anos que a gran maioría dos seus protagonistas. A cita pontevedresa cumpre cinco anos, manténdose fiel á súa proposta: preparar un programa de actividades dirixido a bebés. Segundo os organizadores, a calidade é o criterio fundamental que se marcan á hora de escoller as diferentes propostas. Tamén priman as que son de produción galega. Ademais das artes, o festival tamén ten a súa vertente de aprendizaxe para as familias. Desta faceta encargaranse, por exemplo, o obradoiro de ASEII sobre cociña saudable e divertida, a charla da asociación Tetameiga “O teu parto consciente”, a proposta que chega de AMENCER ou a intervención da psicóloga Rosa Jové. O Teatro Principal, a Casa das Campás, a Casa Azul, a Praza do Teucro ou o Patronato de Turismo Rías Baixas, serán os escenarios para esta quinta edición do Festival das Núbebes, que este ano conta tamén coa colaboración da Deputación de Pontevedra.