O PSOE propón crear un ‘porto seco’ en Leborei para impulsar o desenvolvemento industrial de Pontevedra

PONTEVEDRA> Neste treito final da campaña electoral, o Partido Socialista de Pontevedra pon o foco na necesidade de aumentar o chan industrial na comarca. Para a candidata Paloma Castro, o municipio pontevedrés é un lugar estratéxico para o desenvolvemento industrial. Por iso, a súa proposta pasa pola creación dun porto seco de empresas relacionadas co Porto de Marín. Que se situaría no lugar de Leborei, na parroquia de Cerponzóns.

O Partido Socialista aposta por recuperar a idea de crear un porto seco no lugar de Leborei, na parroquia pontevedresa de Cerponzóns. Equipamento que permitiría aumentar, din o asentamento de empresas vencelladas ao Porto de Marín nunha superficie de máis de 400.000 metros cadrados.

Esta é unha das medidas que pon sobre a mesa o PSOE durante a campaña electoral para rematar coa parálise industrial da comarca pontevedresa, da que culpan ás políticas do Partido Popular.

Os socialistas tamén insisten na necesidade de impulsar a ampliación dos polígonos industriais xa existentes: o do Campiño en Pontevedra, A Reigosa en Ponte Caldelas, Fragamoreira en Poio e o polígono de Barro.

Castro asegurou que nunha década de goberno do Partido Popular na Xunta, Galicia perdeu 44.000 postos de traballo industrial.