“Compartir lévache mais lonxe “

    VILAGARCÍA> “Compartir lévache máis lonxe”, unha frase que podería aplicarse a moitos ámbitos da vida, pero neste caso é o lema da Semana Europea da Mobilidade deste ano. O concello de Vilagarcía súmase á iniciativa cun programa cheo de actividades, do 16 ó 22 de setembro. Ademais, desde Ravella, anunciaron esta mañá importantes medidas para continuar coa súa aposta por unha cidade para as persoas. Circuitos en bici e a pe, obradoiros de arranxo de bicicletas, charlas de educación viaria, e un paseo nocturno, son as actividades que organiza o concello de Vilagarcía pola Semana Europea da Mobilidade, que se celebra do 16 ó 22 de setembro, e que esta mañá se presentaron no consistorio. Actividades que organiza o concello coa colaboración da Policía Local e tamén de Arousa en Bici. Unha conciencia coa mobilidade e a accesibilidade pola que o goberno local aposta desde que comezou o seu mandato. A concelleira de urbanismo anunciou tamén outras medidas que Ravella levará a cabo proximamente para seguir mellorando neste sentido. Como o pasar de 5 a dez estacións de Vai Bike antes de que remate o ano, a mellora das marquesiñas de autobús, continuar co plan de peonalización, cuxo próximo tramo é a praza de Galicia, levar a Zona 30, xa instalada no centro, a Vilaxoán e Carril, ampliar o carril bici do casco urbano, ou acondicionar o xa existente no paseo marítimo.