Telmo Martín fai balance do verán en Sanxenxo

    SANXENXO> Despois de tres meses, e un verán que está a piques de rematar, Telmo Martín fai un balance positivo do verán na vila. O rexedor afirma que foron meses de pouco durmir e moito traballo para garantir un verán sen incidencias de ningún tipo. Festas, praias, estacionamentos, augas, electricidade. Telmo Martín xa o sabe, non é fácil dirixir un concello de 18.000 habitantes, que durante dous meses ao ano se converte na terceira cidade de Galicia. O rexedor mostrouse satisfeito co transcurso do verán. Unha satisfacción que en boa medida ten que ver coa seguridade e as praias do municipio. As festas ou o feito de que non se rexistraran problemas coa auga do municipio durante ningún momento, tamén supoñen un motivo de satisfacción. A pesar de que o verán aínda non rematou, o alcalde de Sanxenxo xa está pensando na Semana Santa de 2018, aínda que sen esquecerse de que antes está o inverno, e que Sanxenxo necesita novas estratexias, polo que o alcalde sinalou que o polígono industrial estará en funcionamento antes de que remate o ano.