Hostaleiros de Ribeira recadan 650 euros en favor de SOGAPS

    RIBEIRA> Na iniciativa colaboraron oito establecementos da localidade que destinaron o 10% da caixa feita o pasado sábado 2 de setembro a partir das once da noite. Este é o momento no que Antonio Lijó, en nome dos hostaleiros dos oito establecementos que participaron nesta iniciativa lle facía entrega do cheque á presidenta da Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla. A axuda, que ascendeu a uns 635 euros, foi recadada durante a noite do pasado sábado 2 de setembro e corresponde co 10% da caixa feita neses locais despois das once da noite. A iniciativa tivo tamén unha gran acollida entre os clientes. Dende SOGAPS agradeceuse a iniciativa e a colaboración por parte deste grupo de hostaleiros de Ribeira. A axuda será destinada a un proxecto deportivo máis ambicioso que ten previsto poñer en marcha a entidade. Os oitos locais que participaron nesta campaña foron o Bar Plaza, A Recoveira, Ventos Vellos, O Niño do Cuco, Oliver & Stanley, Chiringuito Pedra Pateira, A Galeguiña e O Noite Lounge.