Os concellos do Barbanza ampliarán as axudas á hostalería

BARBANZA> A entrada en vigor das máximas restricións de todo o Barbanza, supuxo un duro golpe para a hostalería. Varios concellos traballan xa no deseño de medidas de apoio ó sector como complemento ó fondo de cooperación promovido pola Xunta.

O concello de Ribeira apoiará o fondo de cooperación covid acordado pola Xunta e a hostalería galega para canalizar axudas dirixidas a este sector. A administración autonómica asumirá o 50 por cento dos fondos, as Deputacións o 30 e os concellos achegarán o 20 por cento con fondos propios.

Ademais de asumir esta porcentaxe das axudas directas, moitos concellos implementarán medidas adicionais no marco das súas competencias. En Ribeira aplicarán unha rebaixa na taxa de lixo ou a elaboración dunha nova ordenanza de terraza que permita a instalación de estruturas desmontables en varios puntos do municipio.

Tamén na Pobra ampliaron as autorizacións para a instalación das terrazas cubertas. Así mesmo, tanto as corporacións da Pobra como de Ribeira apoiaron as concentracións convocadas polo sector esta mesma tarde en ámbolos dous municipios.