O tamaño do marisco complica a campaña de libre marisqueo

    CARRIL> A piques de arrincar a campaña de libre marisqueo, as expectativas non melloran. A reunión que esta mañá mantiveron os patróns maiores da Ría de Arousa coa directora xeral de desenvolvemento pesqueiro, lonxe de botar luz sobre a situación, empeorou os ánimos do sector. Un ano máis, o marisco que hai é escaso, e unha contía aínda menor ten o tamaño que esixe o mercado. Co inicio do libre marisqueo na ría de Arousa previsto para o 2 de outubro, os patróns maiores reuníronse coa directora xeral de desenvolvemento pesqueiro para abordar a xestión da campaña. Para os patróns, bancos que como O Bohído tiveron un bo rendemento o ano pasado, esta campaña van acusar a forte carga da anterior temporada. O que, unido á presenza de marteilia, complica o libre marisqueo. Dende o sector apuntan á necesidade de buscar novos xeitos de xestionar os bancos, así como tamén de extremar o control do tamaño do marisco que chega ás lonxas. Lonxe de botar luz sobre a vindeira campaña, a reunión coa directora xeral de desenvolvemento pesqueiro conseguiu enfadar a algúns dos representantes do sector, que miran resignados como a supervivencia do libre vai ser complicada.