Nós Pobra leva a pleno a ampliación de creto para varias partidas

    POBRA> O goberno da Pobra levará ó pleno deste xoves a ampliación de creto en tres partidas orzamentarias. Destinaranse á construción dun centro social na unitaria de Vilariño e varias actuacións de mellora nos centros educativos do municipio. O remanente de tesourería da Pobra, que supera os novecentos mil euros, destinarase integramente a liquidar o creto pendente de 2012 para o pago a provedores. Sen embargo, a obriga de destinar todo o remanente á amortización de débeda, obrigará á ampliación de creto noutras partidas para a execución dunha serie de obras. O goberno levará ó pleno deste xoves a solicitude dun préstamo de cento nove mil euros para a construción dun centro social en Vilariño. A intención do executivo é solicitar outro préstamos bancario de trinta e tres mil euros para a substitución da cuberta do colexio Salustiano Rey Eira, a reparación na do fernández Varela e a instalación de chan de caucho na unitaria de Santa Cruz. Propoñen tamén a ampliación da partida para o pintado e acondicionamento doutros centros educativos en 45 mil euros asumidos con fondos propios. Outro dos puntos a debate será a solicitude dunha subvención ó IDAE para a instalación dunha caldeira de biomasa que daría servizo a varias instalacións públicas dende a piscina municipal ó polideportivo de Venecia. Na sesión prevista para mañá debaterase tamén a modificación das ordenanzas fiscais de auga e saneamento para a actualización do IPC, a trabsferencia da concesión do parque eólico singular a unha nova empresa e o cambio de nomenclatura de varias rúas.