A Nao Victoria atraca a súa historia en Sanxenxo

    SANXENXO> Un anaco do século XVI atracou hoxe no Porto Deportivo de Sanxenxo. Este mediodía chegou ao Xoan Carlos I a Nao Victoria, o barco de Fernando de Magallanes que deu a primeira volta ao Mundo. A que descansa na dársena de Sanxenxo é unha réplica da histórica embarcación, que estará aberta ao público durante catro días. O 8 de setembro de 1522, unha tripulación de dezaoito homes baixo o mando de Juan Sebastián Elcano, voltaba ao seu porto base na Nao Victoria. Facíano tres anos despois da partida, e tras completar a primeira volta ao mundo. Hoxe, unha réplica desta histórica embarcación arribou ao Porto Deportivo de Sanxenxo. Un barco moito máis novo, pero tamén con traxectoria propia. Este ano, a Nao Victoria chega a Sanxenxo despois de percorrer o norte de Europa ata Alemaña. Os que a visiten, poderán coñecer como era a vida da tripulación orixinal, e como é a da que navega hoxe en día nesta réplica. O barco está aberto ás visitas ata o domingo, dende as 10 da mañá ata as 8 da tarde. A entrada ten un custo de 4 euros para os adultos e de 2 para os nenos de 5 a 10 anos. Os menores de 5, poderán visitalo gratis.