Un roteiro descobre o Cambados de Ramón Cabanillas

CAMBADOS> Un percorrido polo patrimonio e pola cultura de Cambados, coa figura de Ramón Cabanillas e da súa obra Da Terra Asoballada como fío condutor. Esta foi a proposta que se realizou o pasado sábado na vila. Un roteiro literario organizado pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega para poñer en valor a riqueza cambadesa. Baixo a mirada da estatua de Ramón Cabanillas que senta nun banco na praza do Concello de Cambados, arrincou o sábado o roteiro literario dedicado á súa figura. Cambados, Fefiñáns, San Tomé. Paseo da Calzada, casa natal do poeta, ruínas de Santa Mariña, a casa onde finou… foron algunhas das paradas dun percorrido que, ademais da biografía de Cabanillas, tivo como fío condutor “Da Terra Asoballada”. Obra da que este ano se cumpre o centenario da súa primeira edición en 1917. O profesor Ramón Caride converteuse no guía deste paseo que se prolongou máis de 3 horas, con 10 paradas e a lectura doutros tantos poemas do Poeta da Raza, que demostran a súa relación coa vila. Unha oportunidade para Cambados de amosar a súa riqueza patrimonial e cultural, tanto aos cambadeses como aos visitantes que se achegaron atraídos pola proposta. Este roteiro naceu da colaboración entre Deputación de Pontevedra e Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, e está incluído nun programa que organizou iniciativas semellantes noutros puntos da provincia.