NOIA> Mariñeiros do Barbanza reclaman axudas para asistir ós cursos de actualización que se imparten no Centro de Formación Marítima de Bamio. Consideran un agravio comparativo que os asistentes doutras comunidades conten con transporte e aloxamento subvencionado.
Hai anos que Carlos Gómez vén denunciando o que considera unha discriminación para os mariñeiros das comarcas do Barbanza e Muros Noia. O ministerio esíxelles a realización de cursos obrigatorios no Centro de Formación Marítima de Bamio, en Vilagarcía, para poder embarcar.
Sen embargo, como a distancia dos seus domicilios é menor de 50 quilómetros non poden acceder a axudas para dietas nin desprazamentos. Tampouco teñen a posibilidade de aloxase no propio centro de formación que dispón de dependencias habilitadas para este fin.
Consideran que esta situación supón un agravio comparativo co resto de mariñeiros doutras comunidades que si reciben axudas para asistir ós cursos.
Gómez Mariño iniciou unha recollida de sinaturas que foron remitidas ó Instituto Social da Mariña e conseguiu mesmo que a súa proposta se debatera no Congreso dos Deputados a iniciativa do BNG. Sen embargo, a día de hoxe seguen sen resposta.
Na actualidade, son máis de mil os afectados por esta situación xa que é preciso renovar os cursos cada cinco anos tanto para Mariña Mercante como para pesca e tan só existen dous centros homologados para impartilos en toda España.