O PP acusa á alcaldesa de ‘enchufismo’ para cubrir unha praza de Policía Local

    CAMBADOS> Polémica en Cambados pola convocatoria dun concurso para cubrir unha praza dun segundo mando da Policía Local. O anuncio aínda non se publicou no Boletín Oficial da provincia, pero o Partido Popular denuncia que se trata dun intento de enchufismo. Pola contra, a alcaldesa asegura que o procedemento será aberto e coas bases establecidas pola Xunta. Para o Partido Popular, a convocatoria dun concurso de oposición por mobilidade para cubrir o posto dun segundo mando da Policía Local de Cambados, oculta un intento de enchufismo. Segundo Luis Aragunde, a intención é que a praza sexa ocupada polo actual xefe do corpo, Adolfo Suárez. Suárez desempeña actualmente o cargo de xefe da Policía Local en comisión de servizos, substituíndo ao titular da praza, Maximino Cid, tamén de comisión de servizos en Ourense. En lugar desta convocatoria, o Partido Popular considera que Cambados debería sumarse a outros concellos que anunciaron que se adherirían ao convenio que están a pór en marcha Xunta e FEGAMP. Segundo o acordo, as prazas vacantes da Policía Local cubriríanse recorrendo á Academia Galega de Seguridade. As acusacións dos populares non gustaron á alcaldesa. De feito, Fátima Abal cualificou as declaracións de Luis Aragunde de machistas. Pola súa banda, Abal asegurou que a convocatoria aínda non está publicada no Boletín Oficial da Provincia, polo que pediu ao Partido Popular que explique como coñece unha información que, asegurou, é confidencial.