A toxina paraliza a campaña de Noia dúas semanas despois da súa apertura

    NOIA> Dúas semanas despois do arranque da campaña, a toxina obrigou a pechar as concesións noiesas. Os resultados das análises do Intecmar chegou a última hora da tarde de onte polo que todo o marisco extraído durante a xornada tivo que ser devolto ó mar. A toxina chegou ás concesións marisqueiras de Noia. E fíxoo de repente. As análises realizadas o luns polo pósito, negativas, non facían presaxiar que tan só un día máis tarde os profesionais tiveran que cesa-la actividade. O Intecmar decretou o peche o martes pola tarde, unha vez detectada a elevada presenza de toxina lipofílica no marisco, polo que todo o marisco extraído nesta xornada tivo que ser devolto ó mar. Pero o peor non é a perda deste día de traballo senón un peche, sen data de reapertura, que chega no mellor momento da campaña con abundante marisco e prezos á alza. Á espera de ver como evoluciona a marea vermella, as expectativas non son moi optimistas xa que a escaseza de chuvias e as altas temperaturas favorecen a maior concentración de toxina. A pesar de todo, dende a confraría manteñen a esperanza de que o episodio tóxico non se prolongue demasiado tempo e poder retomar a actividade canto antes.