O concello de Outes estrea bonos desconto para o Outono Teatral

OUTES> Outes acolle a a 29 edición do Outono Teatral con importantes novidades. Ademais da posibilidade de adquirir bonos con desconto, estrearase a venda electrónica das entradas a partir do próximo luns día nove.

Moitas novidades na 29 edición do Outono teatral de Outes que dará comezo o 21 de setembro. A primeira delas é a posta a disposición dos interesados da venda online das entradas a través dunha plataforma aínda que seguirá sendo posible a adquisición presencial na casa da cultura de xeito semanal.

O concello habilitou tamén dous bonos, o xeral e o miúdo, que suporán un desconto do trinta por cento con respecto ó prezo xeral.

O cartel da mostra, que se desenvolverá ata o 28 de febreiro, pode consultarse xa na web municipal.