POBRA> O conflito entre comuneiros e gandeiros a raíz dos problemas ocasionados polo gando mostrenco nas propiedades é un conflito histórico existente na serra do Barbanza, que agora volve a poñerse de actualidade.
A Comunidade de Montes de Santa Cruz de Lesón na Pobra denuncia os estragos ocasionados polos cabalos e as vacas soltas en varias das súas plantacións, na Curota.
Segundo eles existe unha clara intencionalidade en danar as súas repoboacións forestais, nas que colaboraron ademais varios colexios da zona, que supoñen un importante gasto para a Comunidade.
Dende a Comunidade de Montes de santa Cruz, que xa presentou denuncias no Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil, critican a inacción das Administracións con competencias na materia, nomeadamente á Xunta e ó Concello, ás que lle piden que tomen cartas no asunto xa que non é a primeira vez que se produce.
Con seguridade o conflito acabará chegando ós tribunais, que deberá determinar finalmente quen é o responsable destes danos.
Con esta denuncia, o obxectivo de acadar un aproveitamento ordenado dos montes, compatibilizando os usos forestais coa actividade gandeira parece lonxe e volve a enquistarse.











