Cáritas dobra o número de contedores de roupa, ata os 24

    VILAGARCÍA> Vilagarcía e Cáritas estreitan lazos. O concello e a ONG asinaron esta mañá a ampliación do convenio para o desenvolvemento do programa Arroupa. Un acordo que permitirá a instalación de 12 novos colectores para a recollida de roupa que estarán distribuídos en diferentes puntos do municipio. O ano pasado, na capital arousá recolléronse 67 toneladas. Cáritas dobrará o número de colectores para a recollida de roupa que xa están repartidos polas rúas de Vilagarcía. Aos 12 actuais sumaranse outros tantos que se distribuirán por diferentes puntos da vila, segundo o acordo asinado esta mañá entre concello e ONG, que lle permitirán ampliar o programa “Arroupa”. Actualmente, o programa “Arroupa” da emprego a 22 persoas, que se encargan da recollida da roupa dos colectores, da súa clasificación e da venda nas tres tendas que forman a rede, situadas en A Coruña, Santiago e Pontevedra. Dende o concello vilagarcián amosáronse dispostos a manter esta colaboración con Cáritas, e felicitaron á ONG católica polo seu labor. Polo de momento, o incremento do número de colectores de roupa xa supuxo a contratación de dúas persoas máis: un condutor e un auxiliar que se encargan da recollida.