O mar de Corrubedo chega ata a casa consistorial

    RIBEIRA> Este mediodía inaugurábase no hall da casa consistorial unha exposición de pintura da artista local Maralla. Organizada en colaboración coa tenda-galería O Faiado, a mostra de Maralla, que pode visitarse na zona do hall e nas escalinatas da casa consistorial, comprende un total de 23 obras realizadas nos catro últimos anos pola artista nada en Corrubedo. A exposición inaugurada este mediodía contou, ademais da autora, con varios membros da corporación municipal, entre os que se atopaba o propio alcalde, Manuel Ruíz. Segundo el, a mostra forma parte dunha iniciativa impulsada polo Concello dende hai varios meses de cara a promocionar a arte e a cultura entre todos aqueles veciños que se acheguen a realizar calquera xestión á casa consistorial. A autora agradeceu a posibilidade de poder ofrecer as súas obras neste espazo a tódolos veciños do municipio. Segundo ela a maioría dos cadros teñen unha temática mariñeira, representando elementos tan característicos da parroquia de Corrubedo como é o caso do seu porto ou o faro. A exposición poderá ser visitada ata o próximo 30 de novembro.