Rianxo conta xa cunhas renovadas instalacións no Pazo do Martelo

RIANXO> Despois de máis de dous anos de obras, a reforma do Pazo do Martelo xa é unha realidade.

Onte pola noite tiña lugar a súa inauguración oficial coa presenza de numerosas autoridades, entre as que se atopaba a Subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

Na súa intervención destacou o resultado da actuación, que ascendeu a preto de millón e medio de euros, financiada en parte con cargo ó Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos.

Especialmente contento mostrábase tamén o alcalde, Julián Bustelo, que tivo tamén palabras de agradecemento para tódalas persoas que contribuiron activamente no proxecto de rehabilitación, entre elas a directora das obras, Sandra González.

O Concello traballa xa na súa apertura ó público, algo que agarda poder realizar á maior brevidade de tempo posible.

O Pazo, un edificio histórico, declarado Ben de Interese Cultural no ano 1973, albergará, como xa facía anteriormente, a biblioteca municipal.