Pontevedra volverá a encherse de cor e disfraces coa tradicional San Silvestre

PONTEVEDRA> Pontevedra prepárase para acoller unha das carreiras máis populares do ano. A San Silvestre volve á cidade para celebrar a súa trixésimo sexta edición. A organización espera superar esta vez o récord de participación repartindo 7.000 dorsais

Comeza a conta atrás para que as rúas da cidade volvan a encherse de cor, de festa e de disfraces. Porque unha vez máis, os pontevedreses volverán a despedir o ano coa tradicional San Silvestre. A organización desta proba espera superar nesta trixésimo sexta edición todos os récords de participación.

A San Silvestre é sen dúbida unha das probas deportivas máis populares da cidade. Por iso, para que todo saia segundo o previsto, a organización insiste na importancia de inscribirse.

A gran novidade desta edición ten que ver co circuíto. Este ano, os corredores pasarán pola rúa Oliva e a Praza de Mugartegui. A saída e a chegada será, como nos últimos anos, dende a Avenida Montero Ríos.

E aínda que o máis importante desta proba é divertirse e pasalo ben, este ano tamén haberá premios para os gañadores.

Todos os que queiran inscribirse deberán achegarse ata a Casa da Luz en horario de 10:00 a 13:30 horas e de 16:30 a 19:30 horas. O domingo e o día 31 o horario será só de mañá. Alí, os que o desexen poderán facerse con esta camiseta edición limitada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí