José Ramón Abal dá por roto o cuatripartito de Cambados

    CAMBADOS> Nova crise de goberno no concello de Cambados e que, polo que parece, podería ser a definitiva. Este mediodía, José Ramón Abal, daba por roto o cuatripartito. O edil de Cambados Pode deixa o futuro do goberno nas mans da alcaldesa Fátima Abal, que deberá decidir se mantén no seu equipo a Abal ou ao concelleiro de Economía e Facenda, Xurxo Charlín. Abal acúsao de usurparlle funcións e de humillalo de xeito consciente. Así facía público José Ramón Abal o seu descontento coa situación que se está a vivir no goberno de Cambados. Que onte o concelleiro de Somos Cambados e responsable de Economía e Facenda, Xurxo Charlín, anunciara o inicio das obras do polígono industrial de Sete Pías, foi a gota que colmou o vaso. Para Abal, Charlín leva tempo facendo de voceiro en áreas que non son as súas, saltando así o reparto asinado no pacto de goberno do 2015. O edil de Cambados Pode asegurou que, a día de hoxe, o voceiro non lle permite gobernar, e teme que a situación empeore coa proximidade das eleccións. Antes da rolda de prensa, José Ramón Abal trasladou o seu ultimátum á alcaldesa. Non aclarou a situación na que queda o pacto de goberno, pero asegurou que non pode continuar no executivo con Xurxo Charlín como socio.