RIBEIRA> Comisados preto de 800 quilos de sardiña no porto de Ribeira a un barco que excedía o límite máximo de capturas permitido.
O operativo foi levado a cabo polo Servizo Marítimo da Garda Civil, tras constatar, nun control das capturas a bordo, que o barco traía maior cantidade de peixe que o regulado, que se sitúa nos 2.500 quilos.
Ante esta infracción, os axentes levantaron as actas de denuncia correspondentes á Lei 11/2008 de Pesca de Galicia, por unha declaración fraudulenta da carga e tamén por exceder os límites autorizados.
Ademais procedeuse á confiscación dos 779 quilos de sardiña de exceso, que foron posteriormente entregadas a unha organización benéfica.