O PP oponse a endebedar o concello con proxectos improvisados

    POBRA> O PP da Pobra compareceu ante os medios de comunicación para explicar a súa postura con respecto á solicitude de creto debatida no último pleno. Os populares votaron en contra desta operación de tesourería por valor de cento cincuenta mil euros posto que o proxecto carece dunha memoria técnica e de viabilidade. O executivo pobrense propuxo a solicitude de crédito por valor de cento cincuenta mil euros para o arranxo de varios camiños. Mentres que o resto dos grupos se abstivo, o PP votou en contra por considerar que o proxecto carecía dos mínimos esixibles para garantir a súa execución. Nin memoria técnica nin detalle económico de cada unha das actuacións, din, polo que decidiron opoñerse a esta proposta. Para os populares, esta é unha mostra máis da improvisación absoluta da que acusan ó goberno local. Lembran que están a traballar cos orzamentos prorrogados de 2016 posto que foi tecnicamente imposible a aprobación dos de 2017 xa que o primeiro borrador se presentou a finais de setembro. Dende o PP apuntan que nunca se negaron a negociar e consensuar proxectos de interese público pero sempre que se fagan con rigor e seriedade, garantindo a súa execución.