OUTES> O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, xunto co alcalde, Francisco Calo, visitaron esta maña o centro de día da localidade para comprobar ‘in situ’ a marcha das obras de mellora que se están a executar no edificio, pertencente á rede pública autonómica.
A actuación, cun investimento próximo ós 20 mil euros, ten coma principal finalidade poñer fin ós problemas de filtracións, con accións tanto na terraza coma na fachada posterior.
Tamén se está a actuar na instalación de novos falsos teitos e na limpeza das baixantes.
Dende o Concello outense, agradeceron esta actuación, que permitirá solucionar un problema de humidades que dende hai anos padecía o edificio.
O xerente do Consorcio puxo en valor a importancia do traballo conxunto entre as dúas Administracións, tanto a autonómica coma a local, e avanzou que está previsto acometer novas reformas no inmoble de cara ó vindeiro ano, coa finalidade de seguir avanzando na súa mellora.











