RIANXO> A corporación municipal aprobaba na última sesión plenaria as ordenanzas que regularán o uso das oito vivendas sociais do Concello, emprazadas nas antigas vivendas dos Mestres.
O alcalde, Julián Bustelo, destacou o logro, valorando tamén o traballo desenvolvido nestes últimos meses de cara a elaboración das bases.
Unha vez dado ese paso, e transcorrido o período correspondente de exposición pública, a intención do executivo rianxeiro, pasa por abrir o prazo de solicitudes, para que aquelas persoas interesadas en ocupar algunha destas vivendas poida realizalo.
O nivel de ingresos dos solicitantes será un dos requisitos fundamentais para poder acceder a algunha delas, pero non o único.
O prazo de cesión será de dous anos, prorrogable ata un máximo de seis.
Aínda así dende o Concello sinalan que seguirán a realizar as xestións oportunas, para nun futuro poder xerar novos espazos deste tipo para dar acubillo a máis familias que o precisen.











