O barrio do Lagar na Pobra contará con aparcamentos reservados para residentes

A POBRA> O concello da Pobra vén de reordenar o estacionamento no barrio do Lagar reservando prazas exclusivas para residentes. As persoas que reúnan os requisitos xa poden solicitar a tarxeta acreditativa para o seu uso nas dependencias da Policía Local.

A pasada semana, operarios municipais da Pobra procedían á reorganización das prazas de estacionamento do barrio do Lagar. A maioría delas, pintadas en cor verde, serán exclusivas para residentes. Os usuarios deberán contar coa correspondente tarxeta acreditativa que xa se pode solicitar na Policía Local. Os requisitos para facer uso destas prazas están recollidos na ordenanza municipal de circulación. Os principais son ser propietario  ou inquilino de vivendas na zona así como titulares de establecementos comerciais ou acreditar a necesidade de acceder ó domicilio mediante un vehículo.

A medida entrará en vigor nos próximos días, unha vez se aproben as modificacións que limitaban o tempo de estacionamento. En paralelo, o concello está a piques de pechar un acordo cos propietarios dunha parcela na zona para habilitala como aparcadoiro.

Co obxectivo de facilitar a implantación da nova medida, o concello habilitou un prazo para que as persoas que reúnan os requisitos poidan solicitar e obter a tarxeta polo que de momento non se están a efectuar sancións.