San Brais mobilízase contra a instalación dunha gasolineira na zona

PONTEVEDRA> O proxecto para instalar unha gasolineira no barrio pontevedrés de San Brais mobiliza á veciñanza. Aseguran que non é o lugar idóneo para este equipamento: preocupa a proximidade ás casas e as propias características da parcela escollida e da súa contorna. Hoxe presentaron máis dun centenar de sinaturas no concello de Pontevedra xunto coas súas alegacións ao proxecto. Tamén reclaman unha reunión co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Os veciños de San Brais, en Pontevedra, non están dispostos a que unha gasolineira se instale pegada ás súas casas. A Consellería de medio Ambiente ten exposto ao público o proxecto e, tras estudalo, consideran que a localización non podería ser menos axeitada.

A asociación veciñal Salcedo Norte está a canalizar este descontento. Aseguran que detectaron varias imprecisións na memoria medioambiental do proxecto. Entre elas, as propias características da parcela que a vai acoller.

Segundo o proxecto, a gasolineira sería autoservizo e estaría aberta 24 horas. Contaría, ademais, tan só con dous surtidores. Dende a asociación explican que coa Lei do Solo de Galicia e o PXOM de Pontevedra na  man unha instalación destas características tampouco tería cabida neste espazo.

Tamén preocupa especialmente a pouca vixilancia que poida ter o equipamento. Segundo o proxecto, só contaría cun traballador a quendas.

Os veciños entregaron hoxe máis dun cententar de sinaturas no concello de Pontevedra e xa trasladaron as súas alegacións tanto á administración local como á Xunta de Galicia. Tamén reclaman unha reunión co alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores. Aseguran que este é o primeiro paso, e que non desbotan mobilizarse se fora necesario. Explican, ademais, que as súas protestas contan co respaldo das asociación de propietarios de estacións de servizo, que tampouco ven axeitada a ubicación escollida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí