Chicote abrirá as II Xornadas do Berberecho de Noia

    NOIA> Alberto Chicote será o encargado de abrir as Xornadas de Exaltación do Berberecho que arrancan en Noia o próximo xoves. Ademais de visitar os bancos marisqueiros e a lonxa de Testal, o televisivo cociñeiro ofrecerá unha clase maxistral. A visita de Chicote será tan só o aperitivo do amplo programa destas xornadas que buscan promocionar o produto estrela da ría noiesa a través da súa marca de calidade. A parte técnica dará comezo o venres ás catro da tarde con numerosas charlas que terán continuidade o sábado. Paralelamente desenvolveranse diversas actividades complementarias. O domingo terá lugar a degustación popular a partir da unha da tarde na alameda con empanada e arroz con berberechos. No marco desta xornadas enmárcase unha edición máis do Vai de Tapas, promovido por Noia Histórica no que participarán catorce establecementos da vila.