A Deputación presenta un orzamento que “amosa a saúde económica desta administración”

Pontevedra>156,9 millóns de euros, ese será o orzamento do vindeiro ano para a Deputación de Pontevedra. Unhas contas que xa se lle presentaron aos grupos da oposición e que serán aprobadas o vindeiro martes nun pleno extraordinario. Carmela Silva e César Mosquera dixeron esta mañá que están orgullosos destas cifras, que amosan, unha vez máis, a saúde económica, da que din, goza a Deputación. 156,9 millóns de euros, ese será o orzamento da Deputación de Pontevedra para o vindeiro 2018. Esta mañá foi presentado pola Presidenta e Vicepresidente desta entidade. Ambos salientaron que se trata dun orzamento que amosa unha vez máis a boa saúde coa que conta a administración provincial. As cifras máis relevantes que salientou a presidenta da Deputación son os 42 millóns de euros destinados ao plan concellos, os 4 millóns para tratamento e xestión de residuos, os 14 millóns para a área de emprego, os máis de 17 destinados a mobilidade, os 3,9 para turismo, os 10 millóns para cultura e lingua ou os 4,4 millóns destinados ao Deporte. Con estas contas sobre a mesa, Carmela Silva, salientou que a Deputación é unha das administracións que máis recursos destina por habitante. En relación á débeda Silva amosouse satisfeita co pagamento que se está realizando da mesma. Estes orzamentos, que supoñen un incremento do 2,95 por cento máis en relación ao pasado ano, serán presentados e aprobados nun pleno extraordinario que terá lugar o vindeiro martes 28 de novembro.