RIBEIRA> Ribeira conmemorará o Día contra a Violencia de Xénero cunha serie de actividades que buscan fomentar a igualdade dende a base. A maior parte das iniciativas están dirixidas a nenos aínda que tamén se oferta un curso de autodefensa para adultos. Os escolares de primeiro de primaria de tódolos centros educativos de Ribeira serán os encargados de inaugurar a programación contra a violencia inaugurando o Poboado da Igualdade. A través de varios expositores situados na carpa do antigo mercado realizarán unha ruta polos distintos talleres que promoven a corresponsabilidade e a educación en igualdade. As visitas escolares terán lugar este venres pola mañá mentres que a partir das cinco da tarde e durante a xornada do sábado, o poboado estará aberto a todo o público. Outra das accións promovidas polo concello de Ribeira para conmemorar esta data é o curso de defensa persoal que se desenvolverá o sábado, en horario de mañá e tarde, no polideportivo da Fieteira. A concellería de Educación e Cultura decidiu sumarse tamén ó programa organizado por Servizos Sociais a través do CIM cun contacontos para nenos de catro a oito anos. Rosa Caramelo, interpretada por Antón Trillo e dirixida por Paula Carballeira representarase o sábado ás doce na biblioteca municipal.
Inicio Barbanza - Muros - Noia