Os candidatos á alcaldía de Pontevedra pechan a campaña electoral

PONTEVEDRA> En Pontevedra, os partidos tamén se despediron desta campaña electoral con diferentes actos pola cidade. Os candidatos de BNG, Partido Popular e PSOE fixérono acompañados de figuras relevantes das súas formacións. Mentres os nacionalistas e os populares contaron cos líderes dos seus partidos en Galicia, Ana Pontón e Alfonso Rueda, o alcaldable socialista estivo arroupado polo Ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá.

O candidato do Partido Socialista recibiu esta mañá en Pontevedra ao terceiro ministro da campaña electoral. Desta volta foi José Luis Escrivá quen se desprazou á cidade para arroupar a Iván Puentes. Unha oportunidade que aproveitaron para destacar as iniciativas dos socialistas pontevedreses en materia social.

De seguido, foi a portavoz nacional do BNG quen visitou a cidade para despedir a campaña. Miguel Anxo Fernández Lores opta á reelección no que pode ser o seu sétimo mandato. Tanto Ana Pontón como Fernández Lores presentaron a candidatura nacionalista como a garantía de que Pontevedra continúe avanzando.

Tamén contou co seu líder en Galicia o candidato do Partido Popular. Rafa Domínguez e o presidente do PP galego e da Xunta, Alfonso Rueda, presentaron o proxecto do alcaldable pontevedrés como o chamado a coller a remuda. A única alternativa, aseguraron, ao modelo esgotado de Miguel Anxo Fernández Lores.

Ciudadanos pechou a campaña onte dende a Ponte da Barca e Vox fíxoo cun mitin na Casa da Cultura de Lérez. Pontevedra Alternativa escolleu Estribela para celebrar o seu último acto mentres que Espazo Común fíxoo no barrio da Parda. Podemos Pontevedra, pola súa banda contou esta semana co apoio da Secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez, quen ademais pecha a candidatura da formación na cidade. Finalmente, PACMA optou por repetir hoxe un bookcrossing, repartir libros entre a cidadanía, para dar a coñecer a súa proposta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí