Unhas 125 empresas da Pobra beneficiaranse do PEL-Reactiva

A POBRA> O concello da Pobra do Caramiñal vén de publicar a resolución das axudas con cargo ó PEL Reactiva da Deputación da Coruña para Pemes e autónomos para facer fronte á crise derivada da covid. Das 143 solicitudes presentadas resolvéronse favorablemente 125. Ábrese agora un período de dez días para presentar alegacións.

Hoxe coñecíamos na Pobra a resolución provisional das axudas con cargo ó PEL Reactiva da Deputación da Coruña. O importe total das achegas ascendeu a uns 237 mil euros, dos cales 126 mil foron aportados pola Deputación e a cantidade restante con cargo a fondos do propio Concello. Presentáronse 143 solicitudes, das que se resolveron favorablemente 125.

Aquelas empresas que non resultaron beneficiarias ou que non están conformes coa partida asignada terán agora un prazo de dez días para presentar alegacións. Dende o Concello apuntaron a que se estudarán polo miúdo tódolos expedientes e de darse o caso habilitaríanse novas liñas de axuda, nas que se incluiría tamén o sector hostaleiro.

A resolución definitiva destas axudas podería darse xa o 22 de febreiro. A partir de aí as empresas disporían dun mes para a presentación de toda a documentación necesaria para que os servizos municipais poidan ir revisando toda a xustificación e así poder facer efectivo o máis axiña posible o pago das axudas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí