A familia de Yanin Búa prepara o seu segundo memorial solidario

CALDAS> Caldas repite homenaxe solidaria a unha das súas veciñas. O concello vén de colaborar coa familia de Yanin Búa para poñer en marcha por segundo ano o seu memorial, que buscan converter nun recordo e nun acto para recadar fondos que permitan loitar contra a enfermidade. De feito, todo o recadado destinarase á Asociación Española Contra o Cancro de Pontevedra. A familia de Yanin Búa mantén a aposta de converter a súa memoria nunha loita contra a enfermidade. Este ano repetirán o memorial que celebraron o ano pasado por primeira vez, converténdoo nunha cita cunha ampla programación para atraer a todos os caldenses. A marcha solidaria pola ruta da Fábrica da Luz será unha das actividades estrela. A inscrición ten un custo de dous euros, e a día de hoxe xa hai máis de 100 persoas inscritas. A organización tamén vende camisetas por seis euros. Todo o recadado destinarase á Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra. Na actualidade xa roldan as 400 camisetas vendidas. Agardan que a cita deste ano supere a excelente acollida que xa tivo o memorial do ano pasado, co obxectivo de que a loita da caldense Yanin Búa non caia no esquecemento e axude a outras moitas persoas neste camiño.