VALGA> Valga contará cun apeadoiro ferroviario. O Adif sacou a licitación a redacción do proxecto para construír esta parada no concello, na liña convencional que une A Coruña e Vigo. O orzamento é de algo máis de 200.000 euros e unha vez adxudicado o contrato terá unha duración de 39 meses. Con este anuncio, o Goberno do Estado dá cumprimento a unha demanda histórica do municipio valgués. Hoxe visitou o concello o delegado do executivo central en Galicia, Pedro Blanco.
O tren da liña entre A Coruña e Vigo poderá parar en Valga. O Ministro de Transportes, Óscar Puente, confirmou que o concello contará cun apeadoiro na parroquia de Campaña.
Blanco subliñou hoxe dende Valga o compromiso do Adif, que xa sacou a licitación a redacción do proxecto para construír esta parada no concello. Unha actuación que dá resposta a unha demanda histórica.
O proxecto que saíu a licitación conta cun orzamento de 213.000 euros e o prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 28 de abril. Dende a Delegación do Goberno sinalan que é un paso máis na aposta do executivo por facer de Valga un polo empresarial de referencia, xa que están instaladas no municipio empresas tan relevantes como Urovesa ou Extrugasa. Precisamente, está previsto que o novo apeadoiro se sitúe preto desta zona industrial.
Neste argumento coincidiu o alcalde de Valga. Bello Maneiro insistiu na aposta que dende o goberno local se fai polo tren para dar servizo á súa veciñanza.
A infraestrutura será deseñada baixo criterios de sustentabilidade, contando con materiais de proximidade e estudando a incorporación de fontes de enerxía renovable. Unha vez adxudicado, o contrato terá unha duración de 39 meses.










