VALGA> O Partido Socialista denuncia a situación dos traballadores do GES de Valga. Os concelleiros socialistas do municipio valgués e de Catoira e o alcalde de Caldas, fixéronse eco da precariedade de medios e de condicións laborais que, aseguran, está a padecer a plantilla. Acusan ao rexedor José María Bello de bloquear o diálogo e a negociación.
O Partido Socialista dá un paso adiante a prol do GES de Valga. A formación faise eco das protestas que fan os seus traballadores, que denuncian situacións perigosas por falta de recursos.
Na actualidade, a elaboración dos horarios depende directamente da alcaldía de Valga. Os traballadores aseguran que sofren cambios de quenda sen cinco días de preaviso ou que se lles require para facer tarefas que non corresponden a un grupo de emerxencias, como a limpeza de beiravías ou podas.
Os socialistas de Catoira, Pontecesures, Portas e Caldas tamén se suman a esta defensa do GES. A pesares de que en teoría o Grupo ten incidencia supramunicipal, aseguran que nunca se beneficiaron do seu servizo.
Ante esta situación, o PSOE de Valga reclamou a celebración dun pleno extraordinario. A sesión será o vindeiro luns, e os socialistas levarán unha moción reclamando a recuperación das quendas de 24 horas para os traballadores do GES.