RIBEIRA> A CIG vén de convocar unha folga nos servizos de garda da área de medicina interna e hospitalización a domicilio do hospital do Barbanza. Reclaman a presenza de dous facultativos por quenda, en lugar de un, para garantir a calidade asistencial. A pesar de que medicina interna concentra practicamente a metade dos ingresos hospitalarios, o servizo tan só conta cun facultativo para cubrir as gardas apoiado por un reforzo de tres a dez. A CIG denuncia que é insuficiente para garantir a calidade asistencial nun servizo xa ateigado de por si e que incrementa considerablemente a súa demandas na tempada de inverno. Os traballadores insisten en que non se trata dunha demanda laboral nin moito menos salarial. O único que piden é contar con persoal suficiente para exercer o seu traballo nas condicións que require a toma de decisións sobre a saúde e a propia vida dos pacientes. A folga está convocada a partir do día 11 de decembro e realizaríase os luns e martes de cada semana ata finais de xaneiro. Sen embargo, os representantes sindicais agardan poder achegar posturas antes desa data. Polo momento, xa iniciaron as conversas cos representantes da xerencia da Área de Xestión Integrada aínda que os posicionamentos de ámbalas dúas partes atópanse aínda moi afastados.
Inicio Barbanza - Muros - Noia