Mar licitará proximamente os pantaláns para os mexilloeiros de Cabo de Cruz

BOIRO> A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o porto de Cabo de Cruz para comprobar o resultado das obras levadas a cabo nos últimos meses e que supuxeron a instalación de 125 novas prazas de amarre para o sector pesqueiro. A actuación contou cun investimento de máis de 700 mil euros. Acompañada do presidente de Portos, José Juan Durán, do alcalde, Xoán Xosé Dieste, e varios membros da xunta directiva da confraría, entre eles a patroa, Raquel Souto, a titular do Mar, Rosa Quintana, supervisou o resultado dos traballos levados a cabo no peirao crucense nos últimos meses e que supuxeron a construción dos pantaláns para embarcacións pesqueiras. En total unhas 125 novas prazas de amarre que suporán unha importante mellora das condicións de traballo. O alcalde, Xoaán Xosé Dieste destacou a importancia destas obras, que supuxeron un investimento da Xunta de máis de 700 mil euros, e que se veñen sumar ás numerosas actuacións acometidas no porto crucense ó longo deste ano. Rosa Quintana tamén se referiu a outra actuación aínda pendente neste porto, como é licitación das obras de construción de pantaláns para embarcacións mexilloeiras, para os que xa hai consignada unha partida de 1,7 millóns de euros nos orzamentos da Xunta para o ano que vén.