Portosín e O Freixo acollen as primeiras probas do Campionato de España de Motonáutica Inclusiva

PORTO DO SON> O campionato de España de  Motonáutica Inclusiva arranca este sábado en Portosín. Non é a única proba desta competición que acollerá a ría de Muros-Noia posto que o vindeiro sábado día 13 terá lugar a segunda xornada en augas do Freixo, no concello de Outes.

Ás nove da mañá deste sábado abrirá o recinto de boxes no Club Náutico de Portosín e a partir das once menos cuarto comezará a primeira proba do Campionato de España de Motonáutica Inclusiva.

Non se trata dunha proba de velocidade senón de habilidade na que os participantes deberán realizar unha serie de manobras nun tempo establecido.

Dende os concellos de Porto do Son e Outes que acollerán as dúas primeiras probas quixeron agradecer o labor de ADECO-DEA na promoción do deporte inclusivo e comprometéronse a colaborar facendo cada vez máis accesibles tódalas instalacións deportivas.

A proba deste sábado finalizará preto das dúas da tarde coa entrega de premios no salón social do Náutico de Portosín.